Monday 29 de April de 2024

O Concello inviste 1,7 millóns de euros no mantemento viario da cidade


O Servizo de Infraestruturas iniciará nos vindeiros días os traballos para asfaltar e reparar as beirarrúas e sendas peonís na rúa Ana Mogas Fontcuberta, na Zapateira

Concello investiu 1,7 millóns de euros no mantemento viario da cidade, que se materializou en 25 intervencións de mellora no pavimento das calzadas de medio centenar de rúas. Nos vindeiros días, o Servizo de Infraestruturas iniciará as obras de asfaltado e execución de beirarrúas e sendas peonís na rúa Ana Mogas Fontcuberta, na Zapateira.

Estes datos desprenden que o Goberno que encabeza Inés Rey ten un compromiso firme no mantemento viario da cidade, intensificando a accesibilidade e a seguridade viaria en todos os barrios da municipio Así mesmo, estes labores responden a un programa de mellora en toda a cidade para lles dar protagonismo ás persoas e garantirlle unha maior accesibilidade e calidade de vida á veciñanza.

Coa intervención na rúa Ana Mogas Fontcuberta o Goberno local está tamén atendendo unha petición de mellora da seguridade viaria na contorna do colexio Franciscanas. Esta mellora súmase á optimización doutras contornas escolares na cidade como o CEIP Raquel Camacho, o Anxo da Garda ou o Emilia Pardo Bazán.

Entre as actuacións de mantemento viario, atópanse o asfaltado do Parrote (164.000 euros), os traballos para renovar o pavimento nos distritos 8 e 9 da cidade (383.000 euros), Costa da Palloza (54.000 euros), avenida Buenos Aires (63.000 euros), Gambrinus e Gutenberg (166.000 euros).